ANDAINA "RUTA DOS 67 MUÍÑOS DO FOLÓN-PICÓN (O ROSAL)"

Esta fermosa ruta de sendeirismo dos Muíños do Folón e Picón en O Rosal (Pontevedra), está homologada pola Federación Galega de Montañismo (PR-G 94).

O escritor da vila, Juan Ramón Martínez Barbosa, coautor con Xoán M. Tamuxe do libro Os muíños do Folón e do Picón na vila do Rosal (Ed. Deputación de Pontevedra, 2009) será o encargado de demostrar nesta andaina que se trata dun conxunto de enxeños hidráulicos, único no mundo, tanto pola súa singular cantidade (67 muíños), polo seu excepcional emprazamento e pola súa orixinal e novidosa canalización da auga.

Os Muíños do Folón e do Picón, construídos polos propios veciños de Fornelos e Martín, están datados nos séculos XVII e XVIII.

Fonte de inspiración de poetas e pintores pola súa beleza e singularidade, este conxunto de muíños hidráulicos foron restaurados nos anos 90 con axuda do Concello do Rosal, a Xunta de Galicia e fondos europeos.

A RUTA DOS MUÍÑOS

O conxunto histórico-etnográfico dos Muíños do Folón e Picón atópase no monte denominado “Campo do Couto”, na apacible e fértil vila de O Rosal (Pontevedra). Este complexo industrial o forman 67 muíños hidráulicos. Divididos en dúas vertentes (36 muíños polo Folón e 31 polo Picón) a súa disposición resulta un encuadre único no mundo. Os 22 muíños do sector superior do Folón, construídos en forma de escaleira para aproveitar o paso da auga de uns a outros e aumentar a súa forza motriz, é sen dúbida un maxestuoso e agradable impacto visual.

Os Muíños do Folón e Picón foron declarados en 1998 pola Xunta de Galicia, Ben de Interese Cultural (BIC), concedéndoselle o Premio Agader ao embelecento do medio rural no ano 2003. A Federación Galega de Montañismo homologou a súa ruta de sendeirismo co nome de PR-G 94.

Apréciase, polo tanto, co paso dos anos, unha progresiva afluencia en canto ao número de visitantes que deciden achegarse a contemplar in situ este –de aquela- “polígono industrial” e agora punto de referencia turístico na comarca do Baixo Miño.

Construídos polos veciños máis pudientes do lugar, e como historicamente se puido comprobar, sen dependencia algunha dos monxes do mosteiro cisterciense de Santa María de Oia.

Os Muíños de Folón e Picón convertíronse naqueles tempos nun singular punto de encontro dos habitantes da zona. O duro traballo que ocasionaban estes muíños –pero indispensable substento para o consumo humano e animal- e os seus longos procesos de moenda, deron lugar ao baile folclórico galego máis coñecido: a “muiñeira”.

A ruta, que é circular (pódese comezar tanto en dirección Folón como Picón) ten unha distancia de 10 km, cun tempo de realización de preto de hora e media. Procédese normalmente a subir pola vertente do Folón. Estes muíños están cedidos polos seus propietarios durante 25 anos ao Concello do Rosal para explotación turística.

A chegada do millo americano a Galicia nos séculos XVI-XVII foi a causa fundamental da construción de tanto muíño (só no municipio rosaleiro existen inventariados preto de 100).

Temos que lembrar que durante toda a ruta se poden admirar estupendas pozas e belas cascadas naturais, con pontes de madeira construídas recentemente e de forma estratéxica para acceder a determinados puntos do percorrido.

Ademais visitaremos a capela de San Martiño, do século XVI e que pertenceu aos monxes do Mosteiro de Oia. Aquí se explicará como todos os anos se realiza unha tradicional e curiosa romaría.

Unha ruta que sen dúbida, para os amantes da natureza e o sendeirismo, da historia e a cultura populares non lles defraudará. É máis, nos atreveríamos a dicir que os Muíños do Folón e Picón, en verdade, lles conquistarán.